Skip to content

Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte

O blogue da asociación GDR Costa da Morte


O castro de Borneiro é un xacemento arqueolóxico que se atopa na parroquia de Borneiro -no concello de Cabana de Bergantiños-, a uns 500 metros da estrada que conecta Baio con Ponteceso.

Trátase do primeiro castro galego datado mediante o método do Carbono 14. Segundo este, o castro estivo habitado entre os séculos IV e I a. C. A fortificación foi descuberta en 1924 por Isido Parga Pondal e Pérez Bustamante, pero as excavacións non comezaron ata 1930, da man de Sebastián González García-Paz. Nembargantes, a investigación a conciencia e en profundidade non chegou ata a década dos oitenta. A súa artífice foi Ana Romero Masiá. O seu equipo de traballo atopou numerosos fragmentos de cerámica, muros de pedra, ferramentas de ferro… Na actualidade, todas estas mostras atópanse expostas no Museo Arqueolóxico da Coruña.

O conxunto ten unha extensión de 90 x 55 metros, e está rodeado por un foso e dous muros defensivos, agás na zona leste, onde a pendente da ladeira actúa como defensa natural. As vivendas son circulares ou cuadrangulares coas esquinas redondeadas, e destacan polo seu gran tamaño, moi superior ao de outros xacementos. A escasos kilómetros atópase outro monumento de referencia: o Dolmen de Dombate.

As persoas que aínda non coñezades este marabilloso agasallo dos nosos antergos, podedes facer unha “visita virtual” a través do seguinte vídeo.

A %d blogueros les gusta esto: