Skip to content

Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte

O blogue da asociación GDR Costa da Morte


A partir de mañá e ata novo aviso, este blog e maila nosa conta de Facebook van permanecer inactivos, aínda que poderedes acceder igualmente a todos os contidos. Pechamos, pois, esta etapa cunha interesante entrevista ao actor carnotán César Cambeiro, que conta cunha dilatada experiencia tanto en televisión como no cine. Traballou, entre outras, nas series ‘Pratos combinados’, ‘Periodistas’, ‘Policías, en el corazón de la calle’, ‘El Comisario’ e ‘Libro de familia’, e nas películas ‘Os luns ao sol’, ‘Mar adentro’ e ‘Siete mesas de billar francés’. A continuación podedes ler a entrevista que tivemos ocasión de facerlle:

1. Como lembra a súa infancia en Carnota?

Con cariño, con nostalxia. Unha etapa chea de cor. Creo que podo dicir que tiven unha infancia feliz. Traballaba na terra e no mar, pero todo con soltura e coa tranquilidade que che dá o non ter que facelo coa obriga de ter que ganar a vida. Todo era un xogo. Pero tamén había chatas: falta dunha visión aberta do mundo. Eran tempos de franquismo e notábanse as orelleiras que nos impedían ver máis aló. E sempre tiven a sensación de querer andar camiños que daquela se facían imposibles pola falta de información a todos os niveis que había naquel mundo pechado. Penso que iso me creou unha inseguridade e un medo ó descoñecido que tiven que ir vencendo.

2. O feito de nacer nunha vila afastada das grandes cidades supúxolle unha dificultade engadida á hora de triunfar?

Depende en qué campo. Había camiños que encarrilabas mellor porque che resultaban familiares, e os que non, os descoñecidos, xa non mirabas de andalos.  O maior problema eran as relacións públicas fóra do teu entorno. Non tiñas o costume de falar, e menos en castelán. Pero ó nacer nun lugar, nunha aldea, xa non nunha vila, levabas unha fortaleza interior que che obrigaba a non renunciar. Agradecías atoparte con xente con certa sensibilidade, era marabilloso, pero se dabas con fantoches era o peor que che podía pasar. Eu funo superando con retranca e sentido do humor. Un dato: Estudei Náutica, era un dos camiños coñecidos no meu entorno infantil, empezamos máis de douscentos a promoción e acabamos, sen repetir, seis; e máis da metade eramos de aldeas ou vilas.

3. Na súa opinión, cales son os puntos fortes da Costa da Morte? E as principais eivas?

Os puntos fortes son, sen dúbida, os recursos naturais, a historia, as tradicións, o factor humano e, por suposto, o idioma; o galego da Costa da Morte mantén unha riqueza impagable que parece que non se quere ver, incluso se agocha. Debemos mostrar o noso galego sen complexos, tamén de cara ao turista, que é unha das cousas que lle gusta ver. O idioma non se pode converter nun souvenir, haino que manter vivo e á vista, que se escoite. O peor é a falta de xestión, a mala xestión e o desperdicio, ás veces desprecio, que se fai de todo iso. Hai moito minifundismo na cabeza dos políticos, e iso coarta a imaxinación. Creo que politicamente hai un  conservadurismo excesivo e mírase moi pouco polo ben común  e demasiado polo particular e polo partido. Se fósemos capaces de superar isto penso que seríamos capaces de superar calquera problema que a nosa condición xeográfica e histórica nos impón.

4. Onde se atopan as mellores oportunidades de desenvolvemento para a Costa da Morte?

Eu creo que todo pasa por unha explotación dos recursos naturais que non leve á súa propia desaparición. Hai que botarlle moita imaxinación e planificar a medio e longo prazo. Aquí sempre traballamos o mar e mais a terra. Hoxe a terra está abandonada e o mar é vítima dunha extración abusiva. Temos que aprender a estar máis en sintonía co entorno e cos tempos que vivimos. Hai proxectos interesantes como a “reserva mariña”, pero iniciativas nese sentido deberíanse facer en máis frontes e con máis presenza. E parece mentira, pero parece que xogamos contra nós, e estas iniciativas incluso corren o risco de desaparecer. Por suposto, o turismo é un valor en alza, pero debemos saber ofrecer o que temos sen desvirtualo, e estar mellor preparados.

5. Ve talento nas novas xeracións da nosa bisbarra?

Si que vexo talento, pero tamén hai certa desorientación e, ás veces, falta de compromiso. Iso ten o perigo de que ese talento acabe mal enfocado ou desenvolvéndose fóra.

6. Que consello lle daría aos mozos da Costa da Morte cun futuro prometedor que non logran atopar traballo?

Futuro prometedor que non atopa traballo ten algo de contradición, non? Desgraciadamente, temos enquistada en nós mesmos unha inercia de buscar a vida fóra, e iso non favoreceu que houbese unha preocupación política de que aquí se instalasen alternativas de creación de emprego. É coñecido o dito “ese home embarcou a moita xente”, sempre foi unha maneira moi usada de buscar traballo: mandar a xente aos barcos ou á emigración, e así naceron pequenos caciques. Hoxe hai políticos que usan o emprego como moeda de cambio, “dáme votos e douche traballo, e senón fágoche a vida imposible”, ese é un minifundismo miserable que impide unha modernización efectiva. En todo caso, ás mozas e mozos que teñen que marchar, eu diríalles que traballar fóra debe verse como algo transitorio ao máis curto prazo posible. E que non esquezan que aquí hai moito que facer e que todos facemos falta. No nivel en que a nosa vida nolo permita, estaría ben que nos involucráramos e nos comprometéramos nunha reactivación da zona.

7. Que é o que máis lle gusta da Costa da Morte?

As tradicións que se foron creando ao longo de moitos anos e que aínda se conservan, a duras penas. Así como todo o patrimonio etnográfico que creou en perfecta harmonía co entorno e que, desgraciadamente, a cegueira política non sabe ver o potencial que aí late.

8. Como xurdiu a iniciativa ‘Algo bule en Caldebarcos’?

Caldebarcos sempre foi un lugar de iniciativas, pero moitas non se viron consumadas, por iso non temos un porto máis acondicionado, unha fonte pública, etc. Como contrapartida, conservamos espazos virxes moi atractivos aos que debemos saber darlle valor e utilidade. Quero dicir con isto que vén de moi atrás ese “bule bule” que me preguntas, pero, concretamente, o último que estamos facendo en Caldebarcos parte de algo que xa tiñamos en marcha pero que lle demos unha importante reactivación a partir do ano 2005 cando o noso monte ardeu enteiro. Lembro que nos caeu a alma aos pés, pero decidimos converter a desgraza nunha oportunidade, e creo que fixemos un traballo moi importante. Despois vén o do corredor costeiro, e, xa metidos en fariña, como “peixe chama por peixe”, fomos pensando un pouco en todo. Somos conscientes de que Caldebarcos é un pouco invisible para os políticos, así que se nós non o facemos, non nolo vai facer ninguén. O único que pedimos é que non nos poñan pedras no camiño.

9. Como incide a creación da Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Raínha Lupa no movemento social na zona?

É outra das iniciativas interesantes. En Quilmas están comezando a producir terras que doutra maneira estarían abandonadas. Moven xente coas actividades que organizan, e colaboran moi activamente en manter o lugar e a zona vivos. Creo que co tempo háselle dar máis importancia da que se lle está a dar neste momento.

10. Cursos de poda e de apicultura, recuperación de sendeiros polas faldas do Monte Pindo, recuperación dos muíños de Vadebois… Como naceron e se desenvolveron estes proxectos?

Eses concretamente, despois da gran queima do 2005. Pateamos moito o monte e visitámolo con xente que “vivía” nel todos os días. Fomos descubrindo o inmenso valor que tíñamos á porta da casa. Daquela atopamos no goberno bipartito da Xunta unha actitude favorable, e iso permitiunos pensar en proxectos e ir materializándoos. Foi unha bocanada de aire fresco.

11. En que traballa xa a familia de Caldebarcos?

En consolidar os logros e ir aumentando cada ano un pouquichiño en intensidade e extensión. Este ano, o obxectivo a medio prazo é asentar as explotacións apícolas e garantir a súa continuidade, iso asegúranos que algunhas partes do monte estean “habitadas” e sexan accesibles. Despois están os eventos puntuais como son “A Muiñada” ou Festa dos muíños, a Sardiñada, a Viaxe Formativa, algunha sorpresa que pretendemos dar despois do verán…, e non hai que esquecer que vimos de facer o Entruido, con un sobreesforzo debido ao “ninguneo” a que nos somete o equipo municipal. Pero co que demostramos que o que é auténtico mantense, pese a que é moi difícil non deixase afogar pola barafunda de concursos e copias de celebracións cada vez máis globalizadas e uniformes.

12. E un detalle… Hai relevo ou todas estas propostas están desenvoltas polos máis maiores da zona?

Vai por épocas. Sempre hai quen toma o relevo puntualmente e que colabora, iso é o máis normal e é moi importante; pero atopar relevo con continuidade e compromiso xa é máis complicado. Os máis novos, se traballan fóra, colaboran cando están, pero non están sempre. E non hai que esquecer a época na que a droga empezou e tivo moita presenza na nosa zona, iso fixo que se cortasen ciclos e que se rompese unha continuidade que agora custa recuperar. Pero é un obxectivo que non perdemos de vista e niso andamos.

13. Cando e como soubo que quería ser actor?

Na adolescencia, con 15 ou 16 anos. A primeira vez que fun de Entruido en Caldebarcos. Aí foi a miña primeira experiencia en saírme da miña propia personalidade e meterme noutra. Despois vén o grupo de teatro do instituto e dende aí non pasou un ano na miña vida que non fixese algo de interpretación.

14. Como foron os seus primeiros pasos nesta profesión?

Todo comezou, xa digo, cos Entruidos en Caldebarcos, pero era algo moi puntual e chegou un momento en que se nos facía pouco. Quixemos darlle continuidade durante o ano e fundamos a Asociación Cultural “Pedras Mariñas”, e, dentro dela, o grupo de títeres e teatro infantil “Petón da Fox”. Montamos obras que representamos por toda Galicia durante varios anos. Era algo que nos mantiña a “chispa viva” ou, como dicíamos nós: “matábanos o bicho”, pero que non nos permitía vivir unicamente diso. Chegou un momento no que entrei en contacto co mundo da dobraxe na Coruña, e a partir daí deixei a miña anterior profesión e adiqueime de  cheo ao mundo da interpretación.

15. Ata o de agora, tivo ocasión de facer cine, televisión e teatro. Cal é o medio que máis lle gusta? Por que?

O que máis me gusta é o que estou facendo en cada momento. Porque a interpretación ten que ser no momento. Cada interpretación é única e intransferible. A nivel artístico, os tres campos me resultan interesantes e nos tres hai moito que aprender.

16. Que é o mellor e o peor de cada un destes medios?

No teatro, o mellor é que tes uns ensaios que che permiten a “investigación” e a “creación” dunha personaxe. Iso é marabilloso, e é o que che dá a base. De aí parte todo. Dicía unha amiga miña: “moito frío se pasa facendo teatro”; porque os locais de ensaio eran realmente fríos, pero, a parte diso, eu creo que o peor do teatro é o perigo de caer na rutina cando se ten moitas funcións dun espectáculo. Iso é a morte. Na televisión, se tes unha personaxe nunha serie de moitos capítulos, o peor tamén pode ser caer nunha rutina que che leva a “acomodarte” e a facer unha personaxe plana que vai perdendo interese ou, polo contrario, facer unha evolución disparatada desa personaxe que acabe estando fóra de contexto. O mellor é o exercicio de posta en práctica inmediata de todo o que sabes. No cine, o mellor é que podes empregar toda a túa enerxía na creación dunha personaxe e pódeste concentrar nela durante dous ou tres meses e despois aí queda xa. O peor é que como non acertes, cágala; non hai un segundo capítulo nin unha segunda función para corrixir os erros que vexas na película. E é moi fácil “cagala”, perdón pola expresión, pero é que os tempos de espera poden descolocar bastante. Ao mellor tes unha secuencia a primeira hora da mañá, á que ti te preocupas de chegar coas armas no punto xusto; pero é que, se cadra, tes outra á ultima hora da tarde despois de estar agardando todo o día. Chegar aí con todos os sentidos alerta e o corpo a punto require un esforzo adicional que ás veces é difícil de dosificar. En síntese, o mellor de todo é que nos tres exerces o oficio da interpretación. O peor é que nos tres tes inestabilidade económica.

17. É moi diferente traballar en Galicia ou facelo fóra?

Non. O traballo, en si, é bastante parecido: É interpretar. Depende máis do equipo co que te atopes que do sitio no que esteas traballando.

18. Fálenos agora das súas afeccións. A que adica o seu tempo libre?

Manteño viva unha buceta tradicional; ela, a cambio, ofréceme a sensación impagable que che dá o estar, de vez en cando, enriba da auga do mar. Gústame escribir e traballar na terra. E emprego moito tempo en facer algo polo meu lugar de raíz: Caldebarcos e, por extensión, Carnota.

Poñemos punto e final a esta entrevista, na que colaborou activamente o xornalista de ‘Qué pasa na costa’ Ubaldo Cerqueiro, cun vídeo no que podemos ver a César Cambeiro durante un dos capítulos da serie da TVG ‘Matalobos’.

A %d blogueros les gusta esto: