Skip to content

Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte

O blogue da asociación GDR Costa da Morte


A Asociación GDR Costa da Morte celebra este sábado, 8 de outubro, na Casa da Cultura do Concello de Vimianzo, a Xornada de Difusión de Proxectos Leader e Promoción do Territorio. No evento participarán membros de distintos grupos de desenvolvemento rural, tanto a nivel autonómico como estatal, así como promotores de proxectos na área de acción da asociación GDR Costa da Morte, que darán a coñecer as iniciativas levadas a cabo até o de agora, así como os pasos a seguir para a presentación de novos proxectos.

A inauguración, ás 9.30 horas, correrá a cargo de Manuel Muiño Espasandín, Presidente da Asociación da Costa da Morte-GDR; José Antonio Santiso Miramontes, Presidente da Asociación de GDRs de Galicia; e Antonio Aguión Fernández, Xefe Territorial da Consellería do Medio Rural de A Coruña.

Manuel Muíño comezará a xornada presentando algúns dos proxectos LEADER que se veñen financiando pola asociación dende os seus comezos. Os asistentes tamén terán a oportunidade de informarse dos procedementos e medidas das axudas LEADER. A ponencia, realizada por José Antonio Vila García, xerente da asociación, pretende dar a coñecer todos os pasos precisos para que as persoas interesadas poidan presentar proxectos.

A xornada continuará con unha mesa redonda, coordinada por Manuel Soto, vicepresidente da asociación, na que participarán diversos promotores que falarán das iniciativas que veñen levando a cabo no territorio.

Tamén se darán a coñecer proxectos de cooperación a nivel estatal. En particular, falarase do proxecto de Calidade Agroalimentaria, financiado polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino, no que participa o GDR Costa da Morte. Para informar desta iniciativa de colaboración, que permitirá ampliar experiencias de aprendizaxe gracias ao traballo en rede, contarase coa presencia de Manuel Buendía González, Director Xeral do Instituto de Desarrollo Comunitario de Madrid, que ofrece asistencia técnica a REDER, a Rede Estatal de Desenvolvemento Rural.

Antes do acto de clausura, que correrá a cargo de Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo e Manuel Muiño, terá lugar a presentación da guía turística do territorio GDR, elaborada pola asociación este ano, que ofrece información do patrimonio histórico, cultural, natural, festas e rutas dos concellos incluídos dentro do territorio de acción do GDR Costa da Morte.

PROGRAMA XORNADA GDR COSTA DA MORTE 8-10-2011

Etiquetas: , ,

A %d blogueros les gusta esto: