Skip to content

Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte

O blogue da asociación GDR Costa da Morte


A Xornada de onte comezou coas intervencións do presidente da asociación Costa da Morte GDR, Manuel Muiño Espasandín;  José Antonio Santiso Miramontes, Presidente da Asociación de GDRs de Galicia; Antonio Aguión Fernández, Xefe territorial da Consellería de Medio Rural e Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo. Santiso Miramontes destacou durante a súa intervención o feito de que se dé cabida dentro do LEADER á sociedade civil, “para que teñan ocasión de debater, propoñer, e desenvolver un determinado territorio”. Muiño, pola súa parte, subliñou a vontade das xornadas, de conseguir que os fondos “sexan visibles, pois isto contribúe ao desenvolvemento da comarca”.

De seguido, Muiño, comezou con unha exposición informativa, aportando cifras dos proxectos que se viñeron desenvolvendo, así como dos pendentes de verificación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, AGADER. O presidente da asociación recalcou o impulso xerador de emprego que supoñen estes programas. No tocante ao próximo ano 2012, espérase que as axudas a proxectos a executar, permitan a consolidación de 153 empregos e a creación de 24,5.

A continuación, José Antonio Vila, xerente da Asociación Costa da Morte GDR, informou das medidas e procedementos destas axudas. Vila comezou valorando o enfoque LEADER. “Con poucos fondos se podían facer moitos proxectos, é un enfoque de éxito que se integra dentro de outros proxectos como os do GAC”. Vila tamén subliñou o carácter democrático desta metodoloxía “vai de abaixo a arriba, polo que participa a poboación de cada zona, que deseña o que se vai a facer”. O xerente aclarou ao longo da súa ponencia qué é o LEADER, qué proxectos se poden subvencionar e cales non, así como os puntos que máis se valoran á hora de aprobar un proxecto. A este respecto, mencionouse a innovación, como parte imprescindible para o éxito e saída adiante dunha iniciativa.

Despois da pausa-café, reanudouse a xornada coa mesa redonda de promotores, coordinada por Manuel Soto, vicepresidente da asociación. Soto manifestou a importancia de que “a xente arraigue, conseguir unha vinculación co territorio para que non se despoboe”. A continuación, deu paso aos promotores, auténticos “protagonistas” da xornada. O primeiro en tomar a palabra foi Celestino Pose Miñones, xerente de Agrosoneira S.L., que relatou como puido “facer as cousas dunha forma máis organizada, e,en definitiva, aprender a mellorar”, grazas ao proxecto de modernización e incremento da capacidade produtiva na súa fábrica de pensos.

O técnico de emprego do Concello de Mazaricos, José Ramón Esperante, expuxo o proxecto de creación dun telecentro no antigo centro de saúde. Tal e como comentou, a iniciativa ideouse para romper “a fenda dixital nas distintas capas da sociedade” e facilitar o uso e acceso á información que ofrece internet aos colectivos con menores posibilidades de acceso. Raul Andrés Chicapar falou da súa experiencia ao fronte de O retiro de Barbolés e da axuda que o GDR lle proporcionou para conseguir sacar adiante un proxecto que calificou de “soño feito realidade”. Para rematar, José Antonio Casais Fernández, administrador de Raposo S.C. repasou todo un período,dende o escepticismo inicial cara as axudas, ata a alegría, esforzo e constancia coa que manteñen a súa empresa de produtos cárnicos. O proxecto de Casais, conseguiu acadar a máxima puntuación, xa que a súa idea posuía un dos compoñentes principais: a innovación. Casais marcouse como obxectivo conseguir producir e tamén comercializar os seus produtos cárnicos, este último, un dos puntos débiles que presenta o sector, como afirmou o promotor.

A seguinte ponencia levouna a cabo Manuel Buendía, o director xeral do Instituto de Desarrollo Comunitario de Madrid, que ofrece asistencia técnica a REDER, a Rede Estatal de Desenvolvemento Rural. Buendía subliñou valores como a cooperación, o desenvolvemento entendido como proceso democrático e a filosofía de colectividade que ofrecen os GDRs. Uns valores que nos converten “nos protagonistas do noso propio futuro e no da nosa zona. Asímesmo, remarcou a importancia do intercambio de experiencias que ofrece a cooperación interterritorial entre redes de desenvolvemento. A este respecto falou do programa de Calidade Agroalimentaria, no que ven participando o GDR Costa da Morte. Este proxecto financiado polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino permite “mellorar a competitividade e calidade da actividade agroalimentaria da zona”.

Para finalizar a xornada, Manuel Muiño e José Antonio Vila presentaron a guía turística do territorio GDR, un instrumento “moi manexable” como aclarou Muiño, que pretende ofrecer información de distintas rutas e monumentos da zona. A clausura correu a cargo de Manuel Muiño e Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo.

A %d blogueros les gusta esto: