Skip to content

Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte

O blogue da asociación GDR Costa da Morte


Esta civilización non deixa durmir ás flores, nin ás galiñas, nin á xente. Nos invernadoiros, as flores están sometidas a luz continua, para que medren máis rápido. Nas fábricas de ovos, as galiñas tamén teñen prohibida a noite. E a xente está condenada ao insomnio, pola ansiedade de comprar e a angustia de pagar. Triunfa o lixo disfrazado de comida: esta industria está conquistando os padales do mundo e está facendo anacos as tradicións da cociña local. […] Os avogados dos transxénicos afirman que non está probado que prexudiquen a saúde humana. En todo caso, tampouco está probado que non a prexudiquen. E se tan inofensivos son, por que os fabricantes de soia tranxénica se negan a aclarar nos envases que venden o que venden? A etiqueta de soia transxénica non sería a mellor publicidade? Sí que hai evidencias de que estas invencións do doutor Frankenstein danan a saúde do solo e reducen a soberanía nacional. Exportamos soia ou exportamos solo? Quedamos atrapados nas gaiolas de Monsanto e outras grandes empresas de cuxas sementes, herbicidas e praguicidas pasamos a depender? Terras que producían de todo para o mercado local agora conságranse a un só produto para a demanda estranxeira. Desenvólvome cara afora e do de dentro esquézome.”

 

Eduardo Galeano describía deste xeito unha nova forma de entender a relación coa terra e cos alimentos. O cambio radical e profundo da nosa forma de alimentarnos e de producir o que comemos. Se temos en conta os praguicidas, abonos químicos, sementes modificadas xeneticamente, solos empobrecidos polos monocultivos e a explotación intensiva, ademais de outros factores que caracterizan a produción e explotación a gran escala, onde se atopa a riqueza nutricional e variedade de antano? Sería bo preguntarnos se o que nos levamos á boca son alimentos cheos de nutrientes ou meros comestibles.

Os nosos hábitos alimentarios, ben elixidos ou dirixidos, evolucionaron profundamente nos últimos tempos. Un dato curioso: as maiores alteracións sufridas polos alimentos, durante miles de anos tiveron lugar no último século. A cantidade imponse á calidade. Unha gran parte dos alimentos que consumimos están tan procesados, que o noso organismo dificilmente os recoñece dentro da súa memoria celular.

Ademais da conseguinte perda de sabor, os alimentos producidos de forma intensiva presentan unha proporción menor de vitaminas, minerais, oligoelementos e antioxidantes. Sen ir máis lonxe, un estudo do Departamento de Agricultura dos Estados Unidos amosa unha perda importante de nutrientes en 43 especies cultivadas estudadas dende os anos 50. Así, advírtese que a presencia da vitamina C reduciuse nos alimentos nun 20 %, o Ferro nun 15 % e o Calcio nun 16% . Sen embargo, as plantas cultivadas de forma ecolóxica teñen entre o 10 e o 50% máis de sustancias activas que as da agricultura intensiva.

Isto cobra sentido se nos paramos a pensar nos ciclos da natureza e nos ciclos da produción agrícola. Os produto denominados tradicionalmente de tempada, deixaron paso a un amplo abanico de froitas e verduras que están á nosa disposición durante todo o ano. Tomates e mazas “engordados” a base químicos e auga de apetitosa aparencia e inexistente sabor.

Outra cuestión aparte xa é a procedencia das cousas que comemos. No noso mundo globalizado, a cita semanal co carriño da compra pode semellarse máis a unha experiencia propia dunha feira turística que ao aproveitamento dos produto locais que nos ofrece a nosa terra. Ademais de ter un menor control sobre o que comemos, viramos cara unha a homoxeneización da alimentación, que como recollen algúns autores como Victor Martín Cerdeño, ten un importante compoñente cultural e étnico.

As formas de alimentarse, os produtos que se consumen e a maneira de cociñalos relacionase cos recursos locais, as características do medio físico, as formas de produción e de aprovisionamento e co comercio, pero tamén ten que ver coas prácticas culturais que se inscriben en un contexto socioeconómico determinado”

SEGURIDADE ALIMENTARIA

Seguindo esta liña compre falar de seguridade alimentaria. Este termo ten un dobre significado ao proceder de dous conceptos anglosaxóns: “food security” (seguridade alimentaria), máis relacionada coa cantidade e suficiencia do alimento e “food safety” (salubridade alimentaria) que alude á calidade e hixiene dos alimentos. Aínda sendo dous conceptos que van unidos, varían dependendo do contexto no que se inscriban. Por exemplo, nos países industrializados a seguridade alimentaria vai ligada ao concepto de “food safety”, é dicir, vinculado á xestión do risco sanitario. Este concepto técnico busca e ofrece ferramentas para xestionar as distintas crises alimentarias no ámbito da saúde pública, pero sen abordar as causas da inseguridade alimentaria.

Nun interesante artigo da Revista Soberanía Alimentaria, Biodiversidad y Culturas” tentan explicar algúns dos factores dos que derivan os casos de inseguridade alimentaria:

Algúns alimentos poden conter substancias tóxicas como pesticidas, ou canceríxenas coma algúns aditivos e conservantes. Ademais a industria, en ocasións, e para abaratar custos, engade substancias prohibidas (melamina na leite infantil) ou dubidosas, pero non prohibidas (aceites industriais no penso animal, orixe das dioxinas). Tamén se dan casos onde os alimentos están contaminados por axentes bacterianos, víricos ou fúnxicos. Outras posibles vías como os alimentos modificados xeneticamente e a nanotecnoloxía aplicada aos alimentos aínda están en discusión.

A globalización alimentaria, que afecta á seguridade alimentaria tanto dende a perspectiva do risco e a saúde, como dende a desnutrición. En relación aos alimentos seguros, a globalización alimentaria favoreceu, polo alongamento da cadea, o incremento do número de mans que manipulan os alimentos e unha maior transformación dos mesmos, incrementando os puntos críticos e de risco nos que por exemplo, organismos infecciosos poden contaminar a cadea.

A globalización alimentaria tamén impulsou a creación e abaratamento de materias primas para a agroindustria, pasando de un mercado con base eminentemente local a un de base global. Isto favorece o cambio do patrón alimentario do que vimos falando cara dietas hipercalóricas que favorecen a obesidade e as enfermidades derivadas da mesma.

A industrialización da agricultura. Se existe un problema de seguridade alimentaria nunha pequena granxa, o problema será de menor alcance que se afecta ás grandes granxas que provén ás cadeas de supermercados.

Esta pequena reflexión servenos para contextualizar a nosa seguinte entrada sobre o Proxecto de Cooperación Interterritorial “Nuevos Horizontes” ao que está adherido o GDR Costa da Morte. Este proxecto ten como obxectivo impulsar iniciativas de emprego a través da posta en valor das terras agrarias, mediante a recuperación do patrimonio xenético vexetal e o fomento de novas producións demandadas polos mercados.

 Fontes:

http://www.soberaniaalimentaria.info/

http://www.euskomedia.org/PDFAnlt/osasunaz/10/10135147.pdf

Etiquetas: , , ,

%d bloggers like this: