Skip to content

Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte

O blogue da asociación GDR Costa da Morte


“A materia, nas súas mans, acadou novas especies. Máscaras, re-existencias. Non é conto que Mouzo fixo falar as pedras. Hai obras súas, obras mestras, feitas con areas e mica que apañaba polos penedos de Traba e Pasarela. Recollía pigmentos, sombras, simetrías que levaba consigo. Gardaba nos petos o misterio de Gaia. Loitaba contra a velocidade falsaria que espolia o tempo. Tiña, si, o biorritmo da terra: outras inmorredoiras obras son follas de carballo e de magnolio que antes existiron como latas de aluminio. A súa foi unha ollada revolucionaria. Detectaba a alma das cousas e facíaa transmigrar aos lenzos.”

Así describía Manolo Rivas o traballo de Antón Mouzo, o “Van Gogh da Costa da Morte”. A súa obra leva a fonda pegada da  terra, a mellor homenaxe imaxinable que percorreu grazas ás súas numerosas exposicións lugares como Nova Iorque, Berlín ou Bogotá. O vimiancés é homenaxeado agora pola terra que o veu nacer como artista e persoeiro coa mostra que ata o 16 de Decembro podemos visitar na sala de exposicións-bautizada co seu nome-da Casa da Cultura do Concello de Vimianzo. A colección está composta por 27 pinturas e unha escultura que percorren as distintas etapas e técnicas pictóricas de Mouzo.

Xa fai case once anos da última exposición do artista no concello, por iso, catro anos despois da súa morte, facíase imprescindible unha colección destas características para dar a coñecer a obra e figura de Mouzo sobre todo ás novas xeracións, rapaces e rapazas que tiveron e teñen a oportunidade de coñecer un pouco máis ao artista a través dunhas obras “que teñen a marca da terra que pisas” como el adoitaba dicir.

Unha das obras que compoñen a exposición son as famosas botas de buxo ás que Manolo Rivas lles adicou un fermoso poema:

As botas de Antón Mouzo

As botas de Antón Mouzo son de buxo.
O buxo medra canda a estatura do home
que o plantou.
Se el chega a vello, o buxo terá o largo do ataúde
e o grosor no toro do pulso do morto.
Por iso xa case ninguén planta buxos en Galicia.
Porque os buxos aliméntanse do esterco do
tempo perdido
e requiren unha terra que endexamais teña prezo
o equivalente á sombra dun reloxo de pedra.
Co buxo facíanse punteiros de gaita,
fusos e lanzadeiras do tear
e tamén cabaliños de xoguete.
Esas formas eran, para o buxo,
unha segunda existencia,
pois medraba no vento, no lenzo e nos soños
do xinete da infancia.
Un buxo cortado sen destino
semella unha extremidade serrada,
transmite a dor fantasma da amputación.
Foi así como o encontrou Antón Mouzo.
El tiña a memoria das botas do pai.
Gracias a aquel recordo,
o pai seguía a andar polos carreiros de Soneira.
Subía coas botas ao monte Faro
e arreglaba o repetidor de tv.
O pai devolvía as imaxes á pantalla,
enchía a fiestra escura e fría
daquel tempo innombrable.
Antón reconstruíu coas pernas do buxo
as botas andarinas do pai.
E como diría o carpinteiro Geppetto,
feitas están coa mellor madeira da humanidade.

Irroa, Outono, 1998

Podedes achegarvos de Luns a Venres en horario de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas e os sábados de 10.00 a 13.00 horas. 

Fontes:

-Páxina web de Antón Mouzo

Artigo de M. Rivas en El País

Etiquetas: , ,

%d bloggers like this: