Skip to content

Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte

O blogue da asociación GDR Costa da Morte


A asociación cultural Pepe Valiña -Coral Xan Mella  presentarán mañá ás 21.00 horas no auditorio de Baio tres libros sobre a Costa da Morte. Estas tres obras, editadas polo Seminario de Estudos Comarcais en colaboración coa Deputación da Coruña,  constitúen unha interesante aportación para coñecer máis a fondo aspectos culturais e históricos da zona.

“O hórreo atlántico ou fisterrán: cabazos e cabaceiras da Costa da Morte e Barbanza” de Xosé María Suárez e Carlos Fernández Concheiro é unha guía que pretende dar a coñecer estas construccións típicas non só da Costa da Morte, xa que tamén se espallan polas comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira, Xallas, Muros ou Noia. O libro conta con numerosos debuxos e mapas que facilitan a análise das partes que conforman estas contruccións.

“Textos literarios sobre a Costa da Morte” é outro dos libros que se presentará mañá. Xosé María Rei Lema recompilou 167 textos de 130 autores que escribiron sobre a nosa terra. Esta antoloxía recolle escritos de escritores tan diferentes como Rosalía de Castro, Manolo Rivas, García Lorca, Pondal, Cunqueiro, Otero Pedrayo, Ursula Heinze ou Hans Christian Andersen.

Para rematar, o último dos libros que se presentará mañá, “Iconografía xacobea nas Igrexas e Santuarios da Costa da Morte” analiza a riqueza iconográfica da zona. Eva López Añón e Xosé María Suárez afondan, coa súa interpretación, nos sete modelos iconográficos existentes no territorio.

No acto tamén intervirán as escritoras Concha Blanco e María Canosa.

Podedes atopar máis información nas sinopses das obras a presentar:

“Textos literarios sobre a Costa da Morte”

“Iconografía xacobea nas igrexas e santuarios da Costa da Morte”

“O hórreo atlántico ou fisterrán: cabazos e cabaceiras da Costa da Morte e Barbanza”

Etiquetas: , ,

%d bloggers like this: