Skip to content

Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte

O blogue da asociación GDR Costa da Morte


O pasado mes de outubro tivo lugar un acontecemento de gran relevancia para os axentes que traballamos en desenvolvemento rural e local. Sevilla acolleu os días 5, 6 e 7 de outubro o Primeiro Foro Mundial de Axencias de Desenvolvemento Local. Baixo o título “Novas miradas para tempos de cambio” 1.300 profesionais e representantes técnicos e políticos de 47 países compartiron “un espazo de exposición e reflexións refrescante e en moitos casos suxestivas” como afirman dende a Asociación Finisterrae de Profesionais do Desenvolvemento Local, Afiprodel.

O encontro permitiu o intercambio de experiencias e o traballo en rede entre todos os asistentes. Desenvolvemento humano, gobernanza, igualdade, sostenibilidade, esgotamento do modelo capitalista e descentralización foron algúns dos temas dos que se puido reflexionar ao longo dos tres días. Rosa Sánchez, socia de Afiprodel e Axente de Desenvolvemento Local no Concello de Vimianzo explica as principais ideas e potencialidades extraídas da xuntanza.

Como xurdiu este foro? Quen participou?

O “Primeiro Foro Mundial de Axencias de Desenvolvemento Local, Territorio, Economía e Gobernanza Local: novas miradas para tempos de cambio”, tivo lugar en Sevilla durante os días 5, 6 e 7 de outubro deste ano. Foi una iniciativa da Xunta de Andalucía, a través da Consellería de Emprego, o Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (iniciativa ART) e o Fondo Andaluz de Municipios para a Solidariedade Internacional.

Nel participaron más de 1300 persoas procedentes de 47 países. Alí había técnicos e políticos, representantes de gobernos locais, rexionais e nacionais, axencias de desenvolvemento económico local, organismos multilaterais, universidades, institucións da cooperación internacional, así como múltiples redes, entidades sociais e persoas expertas vinculadas a dinámicas territoriais de desenvolvemento no marco dos respectivos procesos nacionais.

En Afiprodel, desde que soubemos da súa celebración, quixemos estar presentes e alí acudimos as ADL de Camariñas, María Jiménez, de Aranga, Pilar Lage e eu, ADL de Vimianzo. Atopámonos con Angel Sucasas, que é o director da UPD Coordina Local de BIC-Galicia, e unha técnica do IDEGA da Universidade de Santiago de Compostela, Mª Carmen Vilariño.

Ademais tivemos ocasión de reunirnos e conversar con Oriol Estela Barnet, especialista da Deputación de Barcelona, que participara no noso Congreso Modelo, con representantes da FEPRODEL (Federación Española de Profesionais de Desenvolvemento Local), da que formamos parte, de APRODEL (Madrid), e de ADLYPSE (Valencia), entre outros contactos interesantes.

Tivestes a oportunidade de coincidir e debater con axentes de desenvolvemento de todo o mundo, encontrastes moitas diferenzas entre o noso modelo de desenvolvemento e o de outros países?

Estes encontros internacionais son moi enriquecedores. Algo que quedou claro é a diversidade de situacións das que parte a acción de desenvolvemento local en cada territorio e das solucións que se artillan en cada contexto. Tivemos a ocasión de escoitar a representantes de Mozambique, Marrocos, Arxentina, Brasil, Perú, Líbano, Senegal, Indonesia, Colombia, Turquía, da antiga Unión Soviética, de Cuba, etc. Hai países que veñen de dictaduras, outros que remataron guerras, outros nos que é moi elevado o índice de pobreza, etc.

Qué potencialidades/puntos fortes cres que caracterizan aos axentes e entidades que traballamos en desenvolvemento local e rural? Cres que as aproveitamos suficientemente? 

Do documento preparatorio deste foro extraio o seguinte texto “A globalización situou ao ámbito do local, dos gobernos locais e o seu territorio, ante o compromiso de asumir e exercer responsabilidades de novo cuño, que se suman ás de carácter histórico. Un feito que foi moi ben sintetizado por Nacións Unidas ao acuñar o termo globalocal e defender o pensar global, actuar local”.

Os axentes temos a nosa fortaleza na proximidade ao territorio e á xente que o habita. Somos a parte operativa de moitas estratexias de emprego e promoción económica. E en nós recae a responsabilidade de compatibilizar medidas que proceden de diferentes institucións e que van destinadas ás persoas coas que traballamos no noso día a día.

Estamos nun momento en que o funcionamento das políticas públicas destinadas ao emprego e á actividade económica debe avanzar. É necesario poñer en marcha procesos de cooperación, coordinación, complementariedade e subsidiariedade entre competencias, entidades e territorios. Todos debemos implicarnos en transformar os territorios en campos abonados para que florezan a actividade económica, as empresas e o emprego, nun contexto de sustentabilidade. Neste senso, as axencias de desenvolvemento local temos un papel moi importante que desempeñar, pero debemos estar integrados nunha estratexia global. De aí a nosa defensa do pensar global, actuar local.

Fálase de novas perspectivas dentro do desenvolvemento local, cales son? 

A nova perspectiva ven dada polo papel que cada actor local e supralocal ten no Desenvolvemento Local, dentro dun mundo globalizado, de cara a avanzar na construción doutro mundo posible, necesario e urxente.  Hai unha crecente preocupación polas persoas e faise fincapé no rol que xoga o estado como parte dun proceso que pode conducir a avanzar na igualdade de dereitos das maiorías. Quérese profundizar na idea de que a igualdade social e o dinamismo económico non están reñidos entre sí.

Aproveitar o coñecemento acumulado por cada actor e actriz do territorio é outro reto, para conseguir escenarios locais onde se desenvolvan novas formas de gobernanza.

Neste senso, a Declaración de Sevilla recolle un chamamento aos organismos internacionais, multilaterais, de cooperación internacional e aos gobernos dos Estados, en todos os niveis, a traballar xuntos para incorporar políticas e programas que promovan o Desenvolvemento Local e instrumentos como as Axencias de Desenvolvemento Económico Local, desde unha perspectiva que implica:

–          Promover unha visión de desenvolvemento endóxeno.

–          Establecer mecanismos de participación que involucren a diferentes actores públicos, privados, asociativos, e que se concreten en pactos territoriais.

–          Artellar capacidades e competencias entre os diferentes niveis de goberno no territorio.

–          Prever mecanismos para a inclusión social e económica dos grupos tradicionalmente excluídos; prestando especial atención á participación da xuventude.

–          Fornecer a institucionalidade local e promover a gobernanza democrática.

–          Promover dinámicas económicas e de innovación para a xeración de empregos dignos, incluintes e con responsabilidade social e ambiental.

–          Impulsar o desenvolvemento dunha cultura territorial emprendedora, desde a lóxica da complementariedade e a coordinación fronte á lóxica da competitividade.

 Cal cres que é o principal problema/s ao/s que se enfrontan os axentes e entidades de desenvolvemento actualmente? 

A principal loita que mantemos dentro de Afiprodel é a da estabilidade dos postos de traballo. As axudas públicas facilitaron a creación destas prazas, pero a dependencia da aprobación da subvención anual ten en xaque a moitos profesionais e entidades locais. Nós defendemos a estabilidade e a coordinación das axencias a través dunha estratexia global.

Ademais, a nosa asociación está integrada en FEPRODEL (Federación Española de Profesionais de Desenvolvemento Local) e nesta entidade hai unha gran preocupación pola formulación das Políticas Activas de Emprego. Neste senso, a ADLYPSE (de Valencia) elaborou un rigoroso documento con propostas para a súa reformulación.

Dentro de Afiprodel creouse unha Comisión de Promoción Profesional, coordinada por Ignacio Fernández (de San Sadurniño) que elaborou outro documento para profundizar nos problemas aos que nos enfrontamos os profesionais e ao mesmo tempo facer unha achega responsable ante o difícil momento que nos toca vivir.

Chegastedes a definir algún tipo de estratexia de futuro? 

As conclusións de talleres e sesións plenarias do Foro ADEL, non definen unha estratexia, pero si apuntan varias conclusións interesantes das que se podería partir:

–          É preciso valorizar o potencial estratéxico dos territorios garantindo a participación das persoas nos procesos de desenvolvemento e asumindo o reto da súa articulación coas estratexias nacionais e as dinámicas globais.

–          A acción coherente entre a dimensión territorial e as estratexias nacionais requiren dunha articulación multinivel de institucións e actores, públicos e privados do territorio.

–          A Conferencia Río+20 servirá para profundizar na reflexión e o debate de novos modelos de desenvolvemento.

–          As ADL son unha ferramenta flexible que responde a unha combinación peculiar de condicións territoriais, evolución no tempo, liderados, ferramentas ao servizo do territorio, ao servizo deses actores públicos e privados que participan nos procesos de planificación estratéxica e de gobernanza.

–          Os organismos financieiros son actores clave neste proceso. Trátase de promover liñas de financiación e crédito que non se limiten a microfinanzas, senón que deben ser máis encadradas en procesos territoriais de desenvolvemento local e inclusión social.

–          Os Estados deben fornecer a coherencia de políticas nacionais de desenvolvemento local como estratexia estructural para un modelo de desenvolvemento sostible.

Qué aporta a cooperación e traballo en rede? Faise imprescindible hoxe en día neste sector?

Debemos tirar todos do carro e na mesma dirección. Isto é a planificación e a xestión dentro do territorio. De aí a importancia das redes de cooperación, tanto verticais como horizontais, e da articulación da comunidade local. Os arxentinos empregan a expresión “institucionalización da sociedade” para referirse aos colectivos que representan intereses. É transcendente que existan e que non estean viciados. Cada colectivo representa a voz de moitas persoas que comparten situacións, problemas e intereses. As persoas que representan a estes colectivos deben levar aos órganos de participación mensaxes maduradas e traballadas.

De aquí xurde o concepto de gobernanza, que se artella de múltiples formas, pero que en definitiva é o artellamento de canles de comunicación entre a sociedade e as administracións e entre os actores e actrices dun territorio. Aquí está un dos pasos que toca dar agora.

Para máis información:

Informe foro mundial

Páxina web do foro

Etiquetas: , ,