Skip to content

Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte

O blogue da asociación GDR Costa da Morte


Un mes máis o Concello de Muxía adica a súa galería de mulleres a unha persoeira galega. Neste caso tócalle a María Miramontes (Guisamo 1895-Bos Aires 1964), unha muller moi activa política, cultural e socialmente, membro das Irmandades da Fala e unha das defensoras do Estatuto do 36.

Defensora da cultura galega

O ambiente republicano da Coruña onde xermola o pensamento nacionalista e galeguista en lugares como a Cova Céltiga inflúe a Miramontes.  Así frecuenta os núcleos republicanos e dende nova milita nas Irmandades da Fala. Pronto coñece ao que será o seu marido, Ánxel Casal. Xuntos abren na Coruña un pequeno comercio de teas.

Ambos os dous continúan coa sua actividade política e cultural financiando iniciativa en prol do nacionalismo e da cultura galega: as Irmandades da Fala,  a editorial Lar, despois a editorial Nós e unha escola aberta e popular con ensino bilingüe e educación progresista e laica inspirada na Institución Libre de Enseñanza.

Aos poucos de proclamarse a República (o 14 de abril de 1931)  trasládanse a Compostela para estar máis preto do Seminario de Estudos Galegos, xa que a Editorial Nós publicaba todas as obras desta institución. Cando no mes de decembro de 1931 nace o Partido Galeguista, María, xunto a Genoveva Casal e outras mulleres traballa para convencer ao pobo de Galicia, e moi especialmente ás mulleres, da necesidade que Galicia ten de dotarse dunha forza política propia.

Feminista

Miramontes manten unha fonda preocupación polas mulleres, estando convencida da necesidade de que no Partido Galeguista ten que haber unha organización propia feminina. No ano 1933, nun 25 de xullo, Día da Patria, un grupo de mulleres militantes do Partido Galeguista, entre as que está María, asina un chamamento público dirixido a todas as mulleres para que tomen conciencia dos valores galegos. Este manifesto verá a luz pública o 3 de agosto no xornal La Razón de Lalín e 3 días despois en A Nosa Terra. Neste último xornal créase unha sección fixa dedicada ás mulleres, titulada “O recanto da muller”.

María e Ánxel van participar activamente na campaña de apoio ao Estatuto que se vai referendar o 26 de xuño de 1936. O 17 de xullo Ánxel Casal facía entrega do Estatuto de Galicia ao Presidente das Cortes e ao Presidente da República. Ao día seguinte ten lugar a sublevación militar franquista. O día 20 de xullo, Ánxel Casal faise cargo da alcaldía e ponse ao frente do Comité Republicano de Santiago. Ese mesmo día a autoridade militar obrígao a ceder o mando. Ánxel é delatado por un veciño e foi detido e conducido ao cárcere de Santiago. En agosto é asasinado. María vive unha curta temporada na Coruña na casa dos Casal arranxando os papeis para exilarse. No mes de novembro de 1936, María marcha a Bos Aires, onde ten parte da súa familia emigrada. Cando chega retoma a súa profesión de costureira, conservando así a sua independencia económica. Algúns anos máis tarde casa cun curmán, Pedro Miramontes.

María Miramontes morreu o 17 de setembro de 1964. O xornal A Nosa Terra de Bos Aires publicou en marzo de 1965 unha nota necrolóxica escrita por Maximino Brocos (pseudónimo de Luís Seoane) para recordar a sua figura.

Galería de Mulleres

Con esta iniciativa o Concello de Muxía pretende visibilizar o papel das mulleres na sociedade, algo imprescindible se temos en conta que quenes se encargan de escribir os manuais e libros de historia da humanidade soen esquecerse de que a outra metade da poboación mundial participou tamén nos cambios, loitas e adiantos sociais.

Cada mes repártense carteis nos que aparece a muller escollida e indicacións para informarse sobre ela ou para acceder á súa obra.
Tamén se indicará que libros da autora están dispoñibles na Biblioteca da Muller do Concello de Muxía.

A Biblioteca da Muller inclúe obras escritas por mulleres, sobre mulleres ou sobre temáticas que afectan á muller . Así haberá obras sobre feminismo,  filosofía, antropoloxía, arte, literatura infantil, poesía e novela.

Para máis información sobre historia e mulleres podedes consultar o artigo “La Historia de las mujeres, todavía una asignatura pendiente” de Montserrat Boix publicado en Mujeres en Red-El periódico feminista

Fontes:

Culturagalega.org

Concello de Muxía

Etiquetas: , ,

%d bloggers like this: