Skip to content

Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte

O blogue da asociación GDR Costa da Morte


Esta fin de semana temos unha gran variedade de actividades nos concellos integrados no GDR Costa da Morte: teatro, mostra de artesanía, xornada gastronómica, música, títeres…Vamos, o que se dí unha axenda completa.

Mañá terá lugar en Cee a I Festa do Porquiño. Dende as 12.00 horas ofrecen moita festa, bos embutidos caseiros e racións que se porán á venta ao prezo de 7 euros ou 5  en venta anticipada. A xornada foi organizada pola peña “A nosa rúa dos viños”, de Cee, a empresa Cárnicas Raposo e cinco establecementos hosteleiros da localidade: O Recunquiño, Pub XP, O Rodelo, Nómadas e O Pita.

En Fisterra, teremos mañá a oportunidade de iniciar unha expedición sonora coa estadounidense Alyce Santoro, que antes de pasar pola Cidade da Cultura para impartir un taller sobre a “Confección dun traxe sonoro” fará unha parada en Fisterra. Concretamente no local ubicado no número 7 da rúa Virxe da Cerca. Alí, a artista pretende experimentar con sons cotiás a través da interacción co público. Se queredes apuntarvos podedes enviar un correo a marcos@planetanamec.com

En Fisterra tamén se continúa coa exposición de artesanía no Faro, á que poderedes achegarvos ata o domingo. E para completar a axenda de actividades do concello, as nenas e nenos que se acheguen mañá ás 19.00 horas, á lonxa, terán a oportunidade de desfrutar do espectáculo “Alicia no país das maravillas” da man de Títeres Cachirulo. O domingo, no mesmo escenario e á mesma hora terá lugar a representación da obra “Historia dunha Semente” pola compañía Caramuxo Teatro.

Este sábado tamén se celebra a IV Festa de Palilleiras no Concello de Camariñas . A partires das 10.00 e ata as 18.30 horas, as persoas que participen na xornada compartirán experiencias e momentos ao redor do encaixe. Ao longo do evento, que terá lugar no Pavillón Municipal,  haberá actuacións folclóricas e un desfile a partires das 17.00 horas.

Para rematar, en Vimianzo o domingo a partires das 20.00 horas na Casa da Cultura, un novo espectáculo. Nesta ocasión da man de Os Confetti Brothers que presentarán o seu show homónimo “Os magníficos Confetti Brothers”.

A %d blogueros les gusta esto: