Skip to content

Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte

O blogue da asociación GDR Costa da Morte


O foro Costa da Morte: un mar de oportunidades organizado polo Grupo Correo Gallego reuniu onte no Auditorio da Casa de Cultura de Vimianzo a un bo número de axentes de desenvolvemento local e rural, promotores turísticos, hostaleiros e demais xente que ata alí se desprazou para coñecer un pouco máis a fondo a análise, reflexión e alternativas que os expertos e expertas, principais implicados, puideron facer ao longo da mañá en tres mesas redondas, nunha cas cales, participou o presidente do GDR Costa da Morte, Manuel Muíño.

TURISMO NA COSTA DA MORTE: PRESENTE E FUTURO

A primeira das mesas redondas, moderada polo profesor Ricardo García Mira, centrouse no “Turismo na Costa da Morte: presente e futuro”. Manuel Varela Rey, xefe territorial da Consellería de Cultura e Turismo comezou falando da necesidade dunha análise e diagnóstico para poder elaborar un proxecto para a Costa da Morte que aproveite as súas potencialidades como a costa e a gastronomía para paliar a estacionalidade que sofre o sector. Varela Rey tamén insistiu moito na necesidade de facer da Costa da Morte unha marca, establecendo referentes e fidelizando aos visitantes. Para iso, é preciso o desenvolvemento normativo e o coidado do patrimonio co que se conta.

Manuel Pan, presidente da Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM) comezou falando da recente proposta dos xeodestinos. Pan considera que axudan a “espabilar” e “organizarse internamente para competir con outros xeodestinos”. Sen embargou destacou algo moi importante ” o sector privado aquí está organizado, ten claro o que quere, piden  un ente común para xestionar” comentou, introducindo un dos temas que máis daría que falar: o do consorcio de turismo.

Ángel Pérez, técnico da Asociación Neria fixo un rápido diagnóstico da situación do turismo: localismo, estacionalidade, falta de profesionalidade no sector, falta de información turística e pouco profesional e a existencia de establecementos de oferta ilegal. Pero non todo vai ser negativo, Pérez tamén valorou a gran vantaxe que nos ofrece o noso patrimonio, que ratificando as palabras de Varela é preciso aproveitar e recuperar. Tamén salientou a potencialidade dos faros e o seu posible aproveitamento como centros de interpretación ou museos .

Tamén participou nesta mesa un turoperador, Manuel Oreiro, xerente de Viaxes Viloria que formulou unha pregunta: que se fará para chamar a atención no mercado? Con respecto á necesidade de creación do consorcio, matizou que debería ser un ente aglutinador, pero só integrado por empresarios, sen a presenza dos alcaldes dos concellos do territorio argumentando a posible politización que podería levar consigo. Manuel Pan precisou que a inclusión dos concellos é necesaria para o financiamento do consorcio. Manuel Muíño, presidente do GDR Costa da Morte e alcalde de Zas asegurou ao respecto que a inclusión dos concellos é positiva para o ente. “Como alcalde queres que este proxecto funcione e non implica que que lle teñas que dicir aos empresarios como facer as cousas”.

O que si quedou claro foi a necesidade de creación dunha marca aproveitando as potencialidades que a Costa da Morte ofrece. “Aquí hai un destino turístico, pero non un producto turístico” afirmaba Pan.

O SECTOR PESQUEIRO NA COSTA DA MORTE: PERSPECTIVAS

A segunda mesa redonda, moderada por Emilio Louro, secretario da Confraría de Pescadores de Carnota, centrouse na situación do sector pesqueiro. Nela participaron secretarios de dúas confrarías, un representante da Xunta e un empresario da industria conserveira.

O representante da Consellería de Mar propuxo a aposta pola calidade, polo valor engadido do producto como elemento identificador nun mercado saturado pola oferta de peixe foráneo. “Non podemos competir en cantidade, senón en calidade”. E para iso, incidiu na necesidade de iniciativas-que xa veñen desenvolvendo dende a consellería- encamiñadas a promover o peixe das nosas costas para conseguir a diferenciación, aumentar o control dos recursos e a autoestima do sector pesqueiro. Tamén insistiu no valor da pesca artesanal na restauración de calidade como todo un ámbito a ter en conta.

Ignacio Castro, secretario da Confraría de Pescadores de Muxía criticou as  liñas de actuación marcadas dende Bruxelas que teñen un impacto moi negativo para o sector. Castro centrouse en dúas medidas: ” a diminución do esforzo pesqueiro a través de políticas de desguace que reducen a flota en máis de un 60 por cento” e “os topes de captura, que crean desequilibrios dende a flota”. Tamén criticou a pouca marxe de decisión do estado español en Bruxelas nesta materia. “Estamos sendo prexudicados, como no caso da pescada. Temos o mesmo tope de captura que Alemaña, sen ter eles flota”. “En Bruxelas non se entende o que é a pesca artesanal. Non atenden a criterios socioeconómicos, hai que loitar por establecer as diferenzas e polos nosos intereses” . Castro tamén apuntou a diversificación como alternativa de futuro: “non podemos depender exclusivamente da pesca” puntualizou.

O director xeral de Industrias Cerdeimar, Andrés Cerdeiras describiu a realidade económico social da Costa da Morte vinculada ao sector pesqueiro como un “regato de oportunidades” aludindo ao título do encontro. Sen embargo,  Cerdeiras tamén conserva un viso de esperanza nas poucas oportunidades que “se deben saber aproveitar”. No seu caso, teno moi claro: calidade. As claves da súa empresa xiran en torno á especialización, orientada á calidade; diferenciación, centrándose na materia prima e diversificación. Tamén insistiu na necesidade de unión do sector extractivo e do transformador e por tanto no imprescindible dun proxecto para unificar ambos sectores. E cal é o requisito imprescindible?: “inversión para manter os postos de traballo e para crear máis empregos”.

Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo, formulou a creación da lonxa comarcal. Ignacio Castro comentou que se trata de “unha iniciativa que se considerou fai anos para rematar coa competencia desleal na Coruña”. En canto á súa viabilidade o representante da Xunta formulou o problema da inversión como principal barreira. Sen embargo salientou a importancia da oferta virtual. “Estamos nunha nova era con nova tecnoloxía, débense buscar as alianzas e a optimización de recursos con proxectos con pouco custo económico e novas tecnoloxías”.

LIÑAS DE APOIO A EMPRESAS

A última mesa redonda, moderada por José Gabín, presidente da Fecom, abordou as distintas axudas e liñas de apoio ao emprendemento na Costa da Morte. Roberto Vieites, técnico de proxectos de emprendedores de BIC Galicia fixo un percorrido polos recursos dos que dispoñen as persoas interesadas no emprendemento. Formación, cursos, titorías, bases de axudas e subvencións ou manuais son só algúns exemplos dos servizos que ofrece a súa empresa.

Guillermo González, xerente do GAC3 Costa da Morte explicou todas as liñas de axudas dispoñibles para as actividades relacionadas co mar no seu territorio de actuación. Tamén fixo un pequeno repaso por algúns dos proxectos financiados e polas condicións necesarias para a presentación de novas solicitudes.

Do mesmo xeito, Manuel Muíño, presidente da Asociación Costa da Morte GDR fixo un repaso por algúns dos variados proxectos xestionados dende a asociación e que contaron co financiamento do programa de desenvolvemento rural LEADER 2007-2013. Muíño fixo fincapé na creación de emprego derivado dos proxectos: creáronse 16 novos empregos e consolidáronse 75. A pesares do contexto desfavorable, o presidente amosouse optimista con respecto ao emprendemento en tempos de crise e unha mostra diso é que varias das liñas de axuda xa se esgotaron, pola multitude de proxectos financiados. Tamén puntualizou que “non se poden facer as cousas pensando na subvención”, senón que esta supón un apoio a un proxecto claro e definido. Tamén recalcou a transparencia das axudas. Os datos daqueles proxectos financiados poden ser consultadas na páxina web do GDR.

Para rematar, José Ramón Esperante, vogal de TICs de AFIPRODEL, e axente de desenvolvemento local no Concello de Mazaricos (ADL), ofreceu información sobre o papel dos ADLs dos concellos, que teñen a función de informar, asesorar e captar recursos. Ofreceu tamén un  resumo dos tipos de axudas dispoñibles para os emprendedores, os seus procedementos e características e subliñou a importancia do binomio financiamento-paixón á hora de materializar unha idea emprendedora.

Sen dúbida, este foro, ofreceu unha oportunidade de encontro e posta en común de ideas e reflexións, algunhas máis claras e outras un tanto difusas nas que se debe seguir traballando, pero que de todos os xeitos abren unha vía de acción futura en conxunto.

Etiquetas: , , ,

%d bloggers like this: