Skip to content

Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte

O blogue da asociación GDR Costa da Morte


A oferta de museos e centros de interpretación dos concellos integrados no GDR é moi variada e abarca múltiples temáticas: artesanía, natureza, ciencia, etnografía, mundo do mar…

Aquí ofrecémosvos unha pequena lista dos máis significativos, moitos deles situados en espazos naturais de gran beleza ou conxuntos arquitectónicos con historia.

Caseta de Pepe do Cuco

Este museo situado na parroquia de Lira (Carnota) é unha caseta tradicional de mariñeiros na que se aloxa unha pequena exposición de utensilios mariñeiros, paneis divulgativos e unha maqueta que explica o funcionamento da arte do xeito. O horario é de luns a venres de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 h. Os sábados abre previa cita.  Para máis información: web de Mar de Lira, correo electrónico ou ben nos teléfonos 981761252 / 636294796.

Castelo de San Carlos (Museo do Mar)

Na Praza de América, en Fisterra, atópase este museo de pesca situado no Castelo de San Carlos, unha construcción que data do século XVIII. No seu interior poderedes atopar varios paneis explicativos sobre a pesca en Galicia, a caza de baleas, os naufraxios da Costa da Morte, a chegada da conserva ou embarcacións tradicionais. A entrada  inclúe un libro sobre a exposición e, se se solicita, unha visita guiada ao porto para ver a poxa do peixe na lonxa. O horario de outubro a abril é de martes a domingo de 10.30 a 13.30 e de 16.00 a 19.00 horas. Para máis información: cofradia@cofradiafisterra.org ou ben no número de teléfono 981740707.

Colección Fernando Blanco de Lema

O edificio, situado na Praza da Constitución de Cee, posúe unha das coleccións de material científico máis importantes de Galicia. Alí poderedes atopar dende aparellos dos antigos gabinetes de Física, Química e Historia Natural, ata pezas moi significativas para comprender o pasado da vila, dos seus habitantes e da comarca. A entrada é de balde. O horario é de martes a  sábado de 10:00 a 13:00 e de 18:00 a 20:00 h. Para máis información: fundacioncee@hotmail.com ou chamando ao 981747221.

Castelo de Vimianzo-Artesanía en Vivo

O Castelo de Vimianzo alberga unha mostra de artesanía en vivo, na que se pode aprender un pouco máis dos antigos oficios, observando en directo a elaboración de pezas tan significativas como os encaixes, teas de liño, chapeus de palla, zocos, traballos en coiro e prata, pezas de barro e granito ou cestos e maquetas. A exposición está aberta todo o verán e durante o resto do ano, abre as fins de semana en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.30 horas. Para máis información: web do concello.

Museo da Electricidade

Este museo, situado na antiga central hidroeléctrica do Ézaro (Dumbría) na desembocadura do río Xallas, alberga unha exposición na que se ofrece información sobre a producción e a historia da electricidade, adicando unha especial atención á propia central. Para máis información: 981 706 028 / 672 199 248

Museo Marítimo Seno de Corcubión

As instalacións do museo, situadas nunha antiga fábrica de salgadura na Praia de Quenxe, recollen máis de mil pezas relacionadas co mar e coas xentes dos pobos mariñeiros da Costa da Morte. O espazo divídese por temáticas  en diferentes salas. Para máis información: 981 745 410/ web do concello.

Museo do Encaixe

Este centro, adicado exclusivamente á promoción do encaixe de palillos, sitúase na Praza da Insuela, no Concello de Camariñas. Na exposición atoparedes deseños, pezas, utensilios e materiais precisos para a súa elaboración, tanto da zona como doutras partes do mundo. A entrada individual custa 2€ e a de grupo (mínimo 10 persoas) 1 euro. Para máis información: 981 736 340/ museodoencaixe@camarinas.net

Museo de Man

Este famoso espazo artístico, obra de Manfred Gnädinger, coñecido como Man, o alemán de Camelle (Camariñas), está composto polas esculturas que o artista elaboraba coas pedras e obxectos que encontraba na praia.  Para máis información: 981 710 224.

Torres do Allo
Este pazo, un dos máis antigos de Galicia, está composto por dúas torres, escudos e balcóns. No seu interior acolle o Centro de Interpretación dos Recursos Turísticos e Patrimoniais do Territorio da Costa da Morte. Para máis información: web do concello de Zas/981 706 028 / 672 082 189.

Centro Etnográfico Batáns do Mosquetín

Os Batáns de Mosquetín constitúen un dos principais tesouros etnográficos que alberga o Concello de Vimianzo. Situados á beira do río Grande, na parroquia de Salto,  esta construcción ofrécenos unha clara imaxe do funcionamento, costumes e labores de antano nun escenario natural de incomparable fermosura. Este conxunto, composto por tres batáns, sete muíños e canles de auga, era empregado antigamente para moer cereais e preparar o liño, unha industria que chegou a ter unha gran importancia na zona. Para máis información: 981706028 / 678621062

Faro de Cabo Vilán

O faro acolle o Centro de Interpretación no que se ofrece información sobre a historia dos naufraxios, faros e sinais marítimas da Costa da Morte, a través de proxeccións de vídeo, diversas pezas, fotografías e paneis con visores. Está xestionado pola Asociación Neria. A entrada é de balde. Para máis información: 687 521 167 e 678 621 062/ web do Concello de Camariñas.


Casa da Pedra
Na Casa da Pedra, na praia do Ézaro, está o Centro de Interpretación das Rutas do Monte Pindo e da Cascada do Xallas. Aquí é posible coñecer as  rutas existentes nestes espazos naturais.

Museo etnográfico de Ponte do Porto

Este museo, situado na Ponte do Porto (Camariñas) foi creado por iniciativa veciñal e aberto ó público o 1 de Abril de 1997. De ámbito territorial comarcal, o seu fin primordial é amosar a cultura etnográfica da zona. Nel atoparedes dende mobles e aparellos antigos ata documentación e correspondencia comercial da época. Para as visitas é preciso concertar cita chamando ao 981 730 998.

Etiquetas: ,

%d bloggers like this: