26 Xaneiro, 2012 Un novo Real Decreto modifica a normativa de pagos directos da PAC
O Consello de Ministros ven de aprobar o pasado venres, 20 de xaneiro, o novo Real Decreto que modifica a normativa de pagos directos da Política Agraria Común (PAC). Este Real Decreto contempla a incorporación ao pago único da maior parte das axudas dos sectores gandeiro e agrícola a partir deste ano, como consecuencia do “desacoplamento” das subvencións á producción.
Segundo afirman dende o propio Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, esta nova regulación mellora a simplificación dos trámites administrativos, de xeito que os gandeiros e agricultores só precisarán presentar unha única solicitude para todos os réximes de axuda que soliciten, incluído o réxime de pago único.
Este novo Real Decreto establece que a partires do 1 de febreiro e ata o 30 de abril de 2012, os agricultores e gandeiros poderán solicitar tres tipos de axudas:
-As de Réxime de Pago Único
-As axudas que quedan ligadas á producción
-Axudas específicas do artigo 68 do Regulamento 73/2009
España contará para este ano cun presuposto para axudas directas de máis de 5.200 millóns de euros.
Ao longo deste ano, “desacóplanse” a prima do arranque do viñedo do 2010, a prima do cultivo das proteaxinosas, a axuda específica ao arroz, a axuda por superficie aos froitos de casca, a axuda para a transformación de forraxes desecados, a das sementes e a prima por sacrificio de gando bovino, pasando todas elas ao Réxime de Pago Único.
Catro sectores ligados á producción
A maioría dos pagos directos pasan a ser desacoplados, quedando catro réximes de axuda ligados á producción, á axuda específica ao cultivo de algodón, á axuda aos productores de remolacha azucreira, á axuda nacional aos froitos de casca e a prima por vaca nutriz.
Ademais, trece sectores, con seis programas para a actividade agrícola e sete para a gandeira, recibirán unha axuda específica de acordo coa normativa comunitaria, que permite certo grao de manobra sobre a distribución de axudas a cada país.
Para dar a coñecer estas modificación, asignaráselle e comunicaráselle aos gandeiros e agricultores, antes do próximo 31 de xaneiro, os dereitos provisionais de pago único derivados dos pagos acoplados que recibiron por estes sectores no período de referencia.
Este texto recolle a normativa vinculante, así como os acordos alcanzados en Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural e foi consensuado cos responsables das Comunidades Autónomas e as organización profesionais sectoriais.
Para máis información:
Etiquetas: Pagos directos, Política Agraria Común, Réxime de Pago Único, Real Decreto
- Deixar un comentario
- Posted under Actualidade, Desenvolvemento Local, Desenvolvemento Rural, PAC
Deixar unha resposta