Skip to content

Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte

O blogue da asociación GDR Costa da Morte


Os Axentes de Desenvolvemento Local (ADLS) son profesionais clave para o desenvolvemento das comunidades. Sen embargo, a súa labor semella estar pouco visibilizada. Por iso é tan importante coñecer un pouco máis acerca deste colectivo especialmente relevante para o futuro da nosa zona.

Qué son os ADLs?

Os Axentes de Desenvolvemento Local son profesionais que enfocan o seu eido de actuación ao desenvolvemento dunha comunidade. Este colectivo coñece os seus recursos e os evalúa para obter rendibilidade social, económica e cultural en beneficio de todos e todas. Trátase dunha profesión relativamente nova: é no ano 1989 cando aparecen nos concellos galegos as primeiras Axencias de Desenvolvemento Local, incentivadas pola subvención do goberno tripartito da Xunta para a creación de axencias municipais en materia de emprego. Deste xeito nace a rede de Axencias Municipais de Desenvolvemento. Estes primeiros técnicos e técnicas formáronse a través de cursos teórico-prácticos promovidos polo Inem e a Consellería de Traballo e Benestar Social.

Sen embargo, dous anos despois, en pleno cambio de goberno, a rede de axencias de desenvolvemento reduciuse significativamente coa decisión da Xunta de suprimir o financiamento dos profesionais, pasando a depender a súa continuidade da vontade dos concellos de manter a actividade, e por tanto asumindo os custes cos seus propios orzamentos.

No ano 1998 aparece a Rede de Técnicos/as Locais de Emprego (TLE) subvencionada pola Xunta de Galicia e que estaba composta por técnicos locais de emprego, axentes de emprego, técnicos de emprego especializados en Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica e técnicos das Unidades de Promoción e Desenvolvemento.  Dende o 2008, a figura quedou novamente definida como Axente de Emprego e Desenvolvemento Local (AEDL).

Heteroxeneidade

Os ADLs son profesionais que proveñen de diversos ámbitos profesionais, que deben coñecer o entorno no que van a desenvolver o seu traballo co obxectivo de deseñar proxectos e liñas de desenvolvemento e mellora das comunidades, a promoción socioeconómica, a elaboración de plans de intervención así como facilitar e tramitar a información para a obtención de axudas e subvencións, entre outras tarefas.

AFIPRODEL

A Asociación Finisterrae de Profesionais do Desenvolvemento Local é froito da necesidade de constituír unha entidade de apoio e defensa dos profesionais de desenvolvemento local de Galicia. O colectivo, xa dende os seus inicios, manifestou a necesidade de traballar en grupo e de formar unha rede de apoio e intercambio. Os profesionais en desenvolvemento local da Costa da Morte organizaron unha rede informal de apoio e intercambio de experiencias, coa realización de xuntanzas que remataron por converterse en xornadas de traballo nas que se invitaba tamén a expertos do territorio e das administracións.

O grupo de profesionais da Costa da Morte decidiu presentar unha proposta á Consellería de Traballo, movida polo desexo de formalizar esa rede de intercambio que xa se establecera e constituír unha asociación que defendese os seus intereses, visibilizase e promovese a figura profesional dos axentes de emprego e desenvolvemento local e ademais proporcionase ao colectivo apoio, asesoramento e unha plataforma de intercambio dinámica e útil. Así, no 2008, o grupo da Costa da Morte legalizou os estatutos de AFIPRODEL, asociación independente e participativa de ámbito provincial que nace coa vontade de aglutinar o maior número posible de profesionais do sector. Dende o pasado 30 de novembro, a asociación modificou os seus estatutos para ampliar o seu ámbito xeográfico a toda a comunidade autónoma.

Froito do éxito do seu traballo son os numerosos congresos e encontros nos que veñen partipando e desenvolvendo e iniciativas como o proxecto piloto de desenvolvemento local para a Costa da Morte, que motivou o último encontro dos pasados 13, 14 e 15 de Xaneiro en Muxía, ao que asistiron tanto profesionais do desenvolvemento como expertos de varias universidades galegas.

Para máis información:

Web de AFIPRODEL

Reunión de profesionais en Muxía

Decálogo coas conclusión do Encontro en Muxía

Etiquetas: , ,

%d bloggers like this: