2 Febreiro, 2012 Medio Rural e Mar destina 200 millóns de euros ao apoio de prácticas sostibles
A Consellería do Medio Rural e Mar facía público no DOG do pasado 31 de Xaneiro a orde pola que se regulan as axudas directas a prácticas sostibles no medio rural. Espérase que arredor de 40.000 persoas se poidan beneficiar destes fondos destinados a apoiar prácticas sostibles en agricultura, gandaría e desenvolvemento rural na nosa comunidade.
Estes fondos divídense en 21 tipos de axudas diferentes para financiar prácticas sostibles e son cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
Os dez tipos de axuda financiados polo Feaga teñen como obxectivo compensar aos agricultores e agricultoras as perdas de ingresos causadas pola baixada dos prezos do mercado e tamén polo aporte de bens públicos á sociedade que non valora o mercado.
Os outros once tipos de axudas, cofinanciados polo Feader, son pagos compensatorios pola zona na que se desenvolve a actividade agraria ou para compensar os custos adicionais e perdas de ingresos que tivo o agricultor debido ao compromiso adoptado na explotación para a mellora do medio ambiente.
Solicitude
O prazo de solicitude das axudas remata o vindeiro 30 de abril. O Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) encárgase de informar da apertura do prazo e de como deben tramitarse as solicitudes a todas as persoas interesadas.
Esta convocatoria inclúese na Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar que regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría.
Para máis información:
DOG 31 de xaneiro
Etiquetas: agricultura, axudas a prácticas sostibles, FEADER, FEAGA, FOGGA, gandaría
- Deixar un comentario
- Posted under Actualidade, Desenvolvemento Rural, Ecoloxía, Natureza
Deixar unha resposta