6 Febreiro, 2012 Xantar 2012 acolle a presentación de “Galicia en color”
Esta fin de semana concluíu a 13º edición de Xantar, o Salón Galego de Gastronomía e Turismo. Dende o pasado mércores e ata onte, día de clausura, achegáronse á cidade de Ourense máis de 20.000 persoas, 17.000 das cales degustaron algún dos 30 menús ofertados polos 18 restaurantes que participaron nesta edición.
Xantar está a consolidarse como unha das citas gastronómicas e turísticas indiscutibles de Galicia. E as cifran o avalan: máis de 6.000 persoas, a maioría profesionais do sector, participaron nas máis de 200 actividades do completo programa desta edición.
E que se puido ver e probar en Xantar 2012? Pois máis de 30 exhibicións de cociña en directo, impartidas por algúns dos mellores cociñeiros galegos e do resto de rexións invitadas; 25 catas de productos como viño, mel ou queixo; máis de 90 degustacións ofrecidas nos principais stands; obradoiros con productos do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia…
Non é de estrañar que Rosa Quintana, conselleira do Medio Rural e do Mar, durante o discurso de inauguración, definise este encontro como un “escenario perfecto para a promoción conxunta dos productos do sector primario”. Quintana salientou tamén o papel da gastronomía “unha aliada estratéxica e representativa do agro galego e dos froitos do mar, que reflicten precisamente o potencial da nosa Comunidade”.
Costa da Morte en Xantar 2012
Se o eixo conductor de Xantar é a cultura da calidade gastronómica, a Costa da Morte, non podía faltar á cita. A Asociación de Profesionais do Sector Turístico da Costa da Morte (APTCM) presentou o pasado sábado no stand da Deputación da Coruña unha iniciativa innovadora, que está dando moito que falar e que de seguro o seguirá facendo: “Galicia en color-Rede de reencontros 10 anos despois”. Esta iniciativa pretende converterse no mellor agradecemento á “marea branca”, as decenas de miles de persoas que se desprazaron dende diversas partes de España e do resto do planeta para axudar a limpar o chapapote que tinguiu de negro as costas galegas.
Dez anos despois do afundimento do Prestige, “Galicia en Color” nace cun dobre obxectivo. Por unha banda, o reencontro e o agradecemento a todas esas persoas voluntarias e por outra, ofrecerlles a oportunidade de reencontrarse coa nosa terra e coñecer toda a súa riqueza-natural, gastronómica, cultural e turística-así como os avances positivos que experimentou o territorio galego nestes dez anos.
Para apreciar este contraste, dende a organización do proxecto, instouse ás persoas que participaron nas labores de limpeza a que subisen a internet fotografías das praias cheas de chapapote e que viaxasen ás mesmas localidades onde as tomaron para retratar a situación actual, a duns espazos naturais que recuperaron a cor grazas á súa axuda.
Ata o de agora téñense programados dous encontros. O primeiro deles tense previsto realizar en Fisterra, no mes de marzo e o segundo en Muxía ou Carnota no vindeiro mes de Novembro. Aínda así, o programa está aberto a posibles incorporacións de concellos da costa galega nas vindeiras semanas, co obxectivo de cadrar as datas para novos encontros.
“Galicia en Color” conta co apoio da Deputación da Coruña e de financiamento privado.
Para máis información:
Artigo da proposta “Galicia en color” no Faro de Vigo
Etiquetas: Galicia en color, Xantar 2012
- Deixar un comentario
- Posted under Actualidade, Gastronomía
Deixar unha resposta