Skip to content

Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte

O blogue da asociación GDR Costa da Morte


Rosa Quintana, conselleira do Medio Rural e do Mar gababa o pasado domingo no IV Cocido do Porco Celta de Sarria a calidade e potencialidades da única raza de porco galego. A conselleira calificou esta raza como ” a quintaesencia da nosa terra” e ” motor da economía do fogar” que “representa na industria un referente de potencialidade económica”.

Esta raza, habitual dos cortellos galegos ata comezos do pasado século atópase agora en vías de extinción. Dende o ano 2009 vense desenvolvendo un Programa de Recuperación, Conservación e Fomentos dos Recursos Zooxenéticos Autóctonos de Galicia en Perigo de Extinción, impulsado por Medio Rural e que amosa unha evolución favorable en canto ao censo de animais, o cal medrou un 42,8 % con máis de 5.000 exemplares.

A esta medida súmase o Decreto aprobado pola Xunta a finais do ano pasado, que estableceu normas básicas de ordenación das explotacións porcinas extensivas e a creación do Rexistro Galego de explotacións de Gando Porcino Extensivo na nosa comunidade, medidas que proporcionaron un marco estable para o desenvolvemento deste sector.

Amigos do Porco Celta Costa da Morte

Tamén contamos na nosa comunidade con Asociacións que centran o seu traballo na promoción desta raza. Sen ir máis lonxe, na Costa da Morte contamos coa Asociación de Amigos do Porco Celta Costa da Morte. Esta entidade sen ánimo de lucro leva dende o 2006  promocionando a raza autóctona para evitar a súa extinción e contribuír a conservar o patrimonio xenético galego a través de diferentes eventos e actividades. Un dos máis importantes é a Festa Gastronómica-Cultural do Porco Celta, que se celebra en Corcubión o segundo sábado do mes de Agosto.

Outra das asociacións que se adican á promoción desta raza é a Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (ASOPROCEL), creada en 1999. Actualmente, a Consellería do Medio Rural e do Mar colabora con ASOPROCEL para a execución de diferentes actividades de recuperación, conservación e fomento do porco celta. A asociación asesora aos criadores de porco celta durante os procesos de selección e mantemento da variabilidade xenética dos rabaños así como na tipificación dos productos do porco celta. A asociación participará esta fin de semana- días 11 e 12- nas V Xornadas Gastronómicas e de recuperación do porco celta en Manzaneda, así que se queredes coñecer un pouco máis sobre esta raza e claro está, degustar algúns productos elaborados coa súa carne, xa sabede onde acudir.

Para máis información:

Asociación Amigos do Porco Celta Costa da Morte

ASOPROCEL

Xornadas en Manzaneda

 

Etiquetas: , ,