Skip to content

Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte

O blogue da asociación GDR Costa da Morte


O presidente da Asociación Costa da Morte GDR, Manuel Muíño Espasandín e dous productores locais asinaron hoxe un acordo de colaboración enmarcado dentro do proxecto de cooperación “Nuevos Horizontes”. Coa firma do convenio entregáronse 175 quilos de pataca fina de Carballo: 50 quilos a María Luisa Mata Rial, de Zas e 125 quilos a José Manuel Maneiro Alvite, de Mazaricos.

Este proxecto, no que o GDR participa como socio, pretende impulsar iniciativas de emprego a través da posta en valor de terras agrarias, mediante a recuperación do patrimonio xenético vexetal e o fomento de novas produccións demandadas polos mercados. Deste xeito, o GDR cederá 175 quilos de pataca fina de Carballo aos productores para a súa sementeira.

Os productores, atendendo ás condicións deste proxecto de colaboración deben conservar unha parte da producción (no caso de que haxa producción) como sementes que entregarán ao GDR para seguir repartíndoa  entre as persoas interesadas no proxecto e para catas.

Ao longo do desenvolvemento do proxecto, levaranse a cabo varias visitas polo persoal técnico a cargo do proxecto para comprobar o desenvolvemento do mesmo. O GDR encargarase da coordinación das mesmas así coma da difusión dos cultivos desenvolvidos polos productores a través de catas, xornadas gastronómicas, publicacións, visitas ao campo ou eventos de promoción agroalimentaria.

A Asociación Costa da Morte GDR tamén fixo entrega de varias guías técnicas de cultivo -dúas delas realizadas no marco do proxecto- que aportarán aos productores os coñecementos técnicos precisos para o desenvolvemento da producción.

NUEVOS HORIZONTES

Neste proxecto participan ademais do GDR Costa da Morte os grupos de desenvolvemento rural de Ordes, Mariña-Betanzos, EuroEume, Bergantiños, Costa Noroeste, Ancares-Courel, Terras de Lugo, Terras do Deza, O Salnés e Monteval-pola parte galega- e os de Navia-Porcia e Bajo Nalón pola parte asturiana.

Un dos problemas que se pretende atallar é o abandono de terras, a desaparición de pequenas e medianas explotacións agrícolas e a caída dos prezos dos productos agrarios, por iso téntase buscar cultivos alternativos e complementarios que poidan incrementar as rendas agrarias a través da diversificación.

Etiquetas: ,

%d bloggers like this: