Skip to content

Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte

O blogue da asociación GDR Costa da Morte


Este domingo comeza o Fórum Gastronómico Santiago 2012 na capital galega. Vimos comentando xa dende este blogue a importancia deste evento   en particular e da valorización e aproveitamento da riqueza gastronómica da Costa da Morte como atractivo turístico en xeral.

No II Foro da Costa da Morte, celebrado en Vimianzo en Decembro do ano pasado, chegouse a varias conclusión nunha das mesas temáticas nas que participaron profesionais do turismo da zona. Unha delas foi a confirmación de que un dos principais problemas a atallar para o turismo na Costa da Morte é a estacionalidade.

Segundo as conclusións do III Congreso Internacional de Turismo Rural celebrado fai pouco en Pamplona, e que contou con profesionais do turismo de diferentes países europeos, a gastronomía tratouse como o modelo “máis visible e accesible” de turismo de experiencias para todo tipo de segmentos da demanda, aínda que tamén para perfiles moi específicos como os “gastronómadas”, persoas que viaxan coa motivación de saborear e descubrir as xoias culinarias de diferentes culturas gastronómicas espalladas polo mundo.

Nas conclusións deste foro resaltouse a importancia de asegurar que o producto alimentario se convirte en un producto turístico diferenciado pola calidade do servizo, os prezos competitivos e as actividades complementarias.

Neste senso, cabe destacar a proposta que dende a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural veñen desenvolvendo para apuntalar a relación gastronomía-turismo. O proxecto “Camiño de Sabores” pretende vincular o turismo á producción agroalimentaria, permitindo coñecer o proceso productivo agropecuario e degustar a cociña local. Para iso, dende a propia PÁXINA WEB do proxecto, podedes acceder a toda unha serie de recursos en liña que vos axudarán a coñecer un pouco máis a fondo os tesouros gastronómicos de Galicia: rutas, receitas, productores, tendas…

Outro dos temas abordados no congreso foi o do papel que xogan as redes sociais no sector. Un tema, do que xa falamos en anteriores entradas, e que conviría recuperar. No congreso concluíuse que “é preciso aumentar o seu coñecemento, a súa estratexia e as súas utilidades para cada tipo de empresa e para cada tipo de clientes”. E cales son esas utilidades? Unha das principais é a fidelización de segmentos do mercado, antes, durante e despois da viaxe, xa que permiten ao turista “non desconectar” á volta á súa vida cotiá e incluso converterse en un “auditor gratuíto de empresas e destinos”. Tamén apuntaban as expertas e expertos asistentes ao congreso que as redes sociais “son unha poderosa arma de promoción e de comunicación para o turismo rural, aínda que é preciso aprender a medir os seus efectos na comercialización”. Deste xeito, recordan a necesidade de “buscar rendibilidade comercial á presencia do turismo rural nas redes sociais e adaptar a este novo medio os soportes promocionais, “incluíndo contidos e linguaxe”.

Fontes:

EfeAgro

Blogue GDR Costa da Morte

Etiquetas: , , ,

%d bloggers like this: