Skip to content

Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte

O blogue da asociación GDR Costa da Morte


O luns toca choiva, así que, que mellor que aproveitar o sol do que imos poder gozar esta finde semana para leva a cabo actividades ao aire libre. Queremos facervos unha proposta alternativa: o turismo ornitolóxico. Si, pode que vos soe un pouco excéntrico, pero en realidade trátase de unha modalidade que goza de grande aceptación. Basicamente, o turismo ornitolóxico baséase na observación das aves silvestres no seu entorno natural. É un turismo baseado no uso sostible dos recursos naturais e danos a oportunidade de gozar das paisaxes e ao mesmo tempo coñecer un pouco máis, a través da observación das aves, a riqueza da fauna e da flora galegas.

Galicia, pola súa variada orografía e situación estratéxica-un dos puntos máis occidentais de Europa, o cal permite o avistamento de migracións de aves mariñas- é un dos lugares máis apreciados para este tipo de turismo. E na Costa da Morte podemos atopar algunhas especies únicas, ao mesmo tempo que podemos gozar de paisaxes e espazos naturais de gran beleza. De feito, a zona inclúese no listado elaborado por Turgalicia dos dez mellores lugarespara o avistamento de aves. Ademais está protexida e catalogada como Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA).

Durante estes meses-de setembro a xaneiro-recoméndase a ruta que vai de Fisterra ata Camariñas. O roteiro comeza no Cabo de Fisterra pasando polo porto de Fisterra, praia de Langosteira, Sardiñeiro, a praia de O Rostro, Lires, Loalo, Cabo Touriñán, Viseo, Martineto, praia de Lourido, Muxía, os Muíños, a Praia de O Lago, Leis, Ponte do Porto, Camelle, Arou, Cabo Tosto, punta das Forcadas, Cabo Vilán e Camariñas. Cabe destacar que en Cabo Tourián se atopa o punto de paso de aves mariñas como o falcón peregrino e en Cabo Vilán está a única colonia galega de arao común.

Ao tratarse de un percorrido longo, sería ideal ir en coche e aproveitar ao máximo o día. Tamén se podería dividir o roteiro e facelo en dúas xornadas-ou as que precisemos-, xa que non se trata de rematar esgotado, senón de desfrutar tranquilamente da natureza e das aves.

Que aves podemos ver?

Algunhas das especies que poderemos observar son o corvo común (corvus corax); o alcatraz común (morus bassanus); a pardela cincenta (Calonectris diomedea); a gaivota hiperbórea (Larus hyperboreus); o carrán común (Sterna hirundo ); o arao romeiro (Alca torda); o pilro tridáctilo (Calidris alba); a píllara papuda (Charadrius alexandrinus) ou a escribenta amarela (Emberiza citrinella) entre outras moitas.

Que precisamos?

Recoméndase levar prismáticos. Se queremos afondar máis na nosa aprendizaxe tamén podemos levar un caderno para tomar nota das observacións e algún libro con información sobre cada unha das especies. Sobra dicir que debemos ser respectuosos co medio e evitar calquera tipo de actividade que ocasione molestias á avifauna.

Para máis información:

Turgalicia 

Mapa do roteiro

Etiquetas: