Skip to content

Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte

O blogue da asociación GDR Costa da Morte


Hoxe en día resulta innegable a influencia das redes sociais e internet nas nosas vidas. Esa influencia tamén se estende ao turismo. O modelo tradicional deixou paso a un novo “viaxeiro 2.0”, aquel que emprega os medios electrónicos para coñecer máis en profundidade os destinos, ofertas turísticas e prezos axustados ao seu presuposto.

Por iso resulta fundamental a promoción dos establecementos turísticos e destinos a través das redes sociais. Julián Riego, responsable de Easy Travel Connection, unha rede social para profesionais do turismo, explica como a través destes novos espazos, as pemes poden chegar a miles de potenciais usuarios e trasladarlles a súa imaxe e producto. Sen embargo, tal e como comenta Riego, a cuestión non se centra tanto no uso destas redes como no seu bo uso, por iso subliña a necesidade de “profesionalizar as accións” para non cometer erros estratéxicos que poden ser contraproducentes para o posicionamento do negocio.

Este novo viaxeiro 2.0 recolecta información, sopesa recomendacións e opinións de outros viaxeiros, infórmase sobre o destino e sobre as ofertas de establecemos turísticos, fai reservas, compra… E unha gran parte desta información extráea da rede a través de canles especializadas, redes sociais ou mesmo o propio buscador de internet. Do mesmo xeito, unha vez realizada a viaxe, comparte a súa experiencia na rede a través de foros, blogs, fotografías ou vídeos.

Rincones del Mundo é unha páxina a ter en conta e reflexo desta retroalimentación característica do novo perfil de viaxeiro. Trátase dun portal  no que os usuarios  se rexistran, comparten e comentan os seus destinos e establecementos turísticos favoritos co resto. Esta iniciativa comezou dun xeito curioso, con un boneco de trapo de orixe coruñés, Stabri, que xa ten visitado máis de 123 cidades en 21 países. O proxecto de Stabri naceu coa vontade de investigar o xeito de interactuar das persoas a través das redes sociais e de encontrar unha maneira de conectalas fisicamente.  O concepto é sinxelo: as persoas retrátanse co boneco nas súas viaxes e logo as fotografías son subidas á web,  abríndose unha nova vía para compartir aventuras, experiencias e lugares.

Outro exemplo interesante é Ruraloo, a primeira rede social de turismo rural de España. Calquera persoa pode rexistrarse e compartir información e recomendacións sobre lugares, casas rurais, onde comer, actividades interesantes pola zona, consellos…

Na nosa zona tamén dispoñemos dun portal moi interesante, Recunchos da Costa, un espazo impulsado polo diario dixital Que Pasa na Costa. A web nace coa vontade de compartir o amor pola natureza e a Costa da Morte. Deste xeito, calquera pode compartir recunchos da zona que considera especiais enviando un correo a info@quepasanacosta.com coa descrición do lugar, como chegar alí, algunha fotografía ou vídeo e os datos da persoa que o envía. Feito isto, o recuncho publícase na páxina web e en Facebook para que calquera poida acceder á información sobre o mesmo.

Etiquetas: , , , , , , ,

%d bloggers like this: